Unha nítida imaxe do Sol

 

Créditos: SST, Royal Swedish Academy of Sciences

Explicación: velaquí unha das imaxes máis nítidas do Sol xamais tomadas. Esta sensacional imaxe mostra notables detalles dunha mancha solar escura na parte inferior da imaxe e na superior numerosos gránulos en ebullición que semellan grans de millo. Tirada en 2002, a imaxe foi feita empregando o Telescopio Solar Sueco que opera na illa canaria de La Palma. A imaxe en alta resolución foi obtida cunha sofisticada óptica adaptativa, apilamento de imaxes dixitais e outras técnicas de procesamento para contrarrestar o efecto borroso da atmósfera terrestre. Actualmente un grupo de manchas solares está atravesando o Sol e é tan grande que pode ser ollada doadamente polo precavido observador incluso sen aumentos.

Texto orixinal no APOD.