Localización do Apollo 17: unha imaxe definida


Créditos: NASA / GSFC / Arizona State Univ. / Lunar Reconnaissance Orbiter
Explicación: esta imaxe do lugar de aterraxe do Apollo 17 no val Taurus-Littrow captouse o mes pasado polo Lunar Reconnaissance Orbiter (LRO ou Orbitador de Recoñecemento Lunar), a máis definida tomada nunca antes desde o espazo. Os datos da imaxe de alta resolución tomáronse durante un periodo no que a órbita do LRO se modificou para realizar un achegamento máis cercano, duns 22 quilómetros, mentres sobrevoaba algúns dos lugares de aterraxe dos Apollo. Esa altitude correspóndese só a unhas dúas veces a altura dun voo de aviación comercial sobre o planeta Terra. Etiquetados nesta imaxe están a etapa de descenso do módulo lunar Challenger (recadro) do Apollo 17, o todoterreo lunar (LRV) no seu punto de aparcamento final e o Apollo Lunar Surface Experiments Package (ALSEP ou Paquete de Experimentos de Superficie Lunar Apollo) deixado para controlar o medio ambiente e o interior da Lúa. Tamén son visibles, clariños, os dous rastros do todoterreo lunar e as estelas a pé deixadas polos astronautas Eugene Cernan e Harrison Schmitt, os últimos en camiñar sobre a superficie lunar, na localización Apollo 17.

Texto orixinal no APOD.