M27: un non-cometa

 
Créditos da imaxe e CopyrightMartin Pugh
Explicación: mentres saía á caza de cometas nos ceos franceses do século XVIII, o astrónomo Charles Messier mantivo con dilixencia unha listaxe das cousas que atopaba e que, definitivamente, non eran cometas. Este é número 27 da súa agora famosa listaxe de non-cometas. De feito, os astrónomos do século XXI a identificarían como unha nebulosa planetaria, pero tampouco é un planeta, incluso aínda que poida parecer redondo e con forma de planeta nun pequeno telescopio. Messier 27 (M27) é un exemplo excelente dunha nebulosa gasosa de emisión formada mentres unha estrela de tipo solar esgota o combustible nuclear do seu núcleo. A nebulosa fórmase mentres as capas máis externas da estrela son expulsadas ao espazo, cun brillo visible xerado polos átomos excitados pola intensa, pero invisible, luz ultravioleta da estrela moribunda. Coñecida polo nome popular de Nebulosa Dumbbell, a nube de gas interestelar fermosamente simétrica ten unos 2,5 anos luz de diámetro e está a uns 1.200 anos luz de distancia na constelación Vulpecula. Esta excelente composición en cor resalta os detalles do interior da rexión central, ben estudiada, e as características poucas veces fotografadas do halo exterior máis tenue da nebulosa. Inclúe imaxes de banda larga e estreita captadas mediante filtros sensibles á emisión de átomos de osíxeno, hidróxeno e xofre.

Texto orixinal no APOD.