A anana marrón máis fría

 
Créditos: NASAJPL-CaltechWISE

Explicación: esta instantánea cósmica composta cos datos do satélite Wide-field Infrared Survey Explorer (WISE, N.T.: explorador de sondaxes en infravermellos de campo amplo) da NASA capta unha chea de estrelas febles e galaxias afastadas cara a constelación da Lira a lonxitudes de onda maiores cá visible. Pero o obxecto do círculo no centro non é precisamente unha estrela. Catalogado como WISE 1828+2650, atópase a 40 anos luz do Sol sendo, actualmente, a anana marrón máis fría coñecida. Unha anana marrón nace como unha estrela, co colapso gravitatorio dunha nube densa de gas e po, pero non é abondo masiva para acadar as temperaturas e densidades do núcleo que desencadeen a fusión do hidróxeno, a fonte estable de enerxía estelar. En vez diso, en última instancia, a estrela fallida arrefríase e emite a maior parte da súa luz en lonxitudes de onda do infravermello. Incriblemente, as ananas marróns teñen aproximadamente o tamaño do planeta Xúpiter. Como de fría é WISE 1828+2650? Mentres as ananas marróns teñen temperaturas superficiais medidas de ata 1.400 ºC (2.600 ºF), esta anana marrón, asignada á clase espectral Y, ten unha temperatura estimada dunha habitación morna, menos ca uns 27 ºC (80 ºF).

Texto orixinal no APOD.