Casulo de Herschel

 
Créditos: ESASPIRE & PACS Consortia, Doris Arzoumanian (CEA Saclay), et al.
Explicación: nesta destacada paisaxe celeste en infravermellos das nubes interestelares á deriva na constelación de altos voos de Cygnus (o Cisne), o ollo está representado pola Nebulosa do Casulo. Tamén denominada como IC5146, a poeirenta rexión de formación estelar amósase en tons azuis na imaxe en falsa cor do Observatorio Espacial Herschel, a lonxitudes de onda maiores de 100 veces que a luz vermella visible. E mentres as imaxes en luz visible amosan a nebulosa Casulo no final da longa e escura nebulosa Barnard 168, a visión infravermella do Hershel atopa ao Casulo cósmico salpicando unha estela de nubes filamentarias de po brillante. Os filamentos poeirentos teñen larguras que suxiren que se formaron mentres ondas de choque de estrelas en explosión viaxaron ao través do medio, varrendo e comprimindo o po e o gas interestelares. Os datos do Herschel tamén apuntan a que as estrelas se forman ao longo dos filamentos poeirentos. A propia Nebulosa do Casulo ten uns 15 anos luz de diámetro a uns 4.000 anos luz de distancia.

Texto orixinal no APOD.