Perseida debaixo

Créditos: Ron Garan, ISS Expedition 28 CrewNASA
Explicación: habitantes do planeta Terra ollaron a chuvia dos meteoros das Perseidas deste ano mirando ao alto no ceo nocturno alumeado polo luar. Pero esta estupenda imaxe captada polo astronauta Ron Garan mira cara abaixo sobre un meteoro das Perseidas. Desde a perspectiva de Garan a bordo da Estación Espacial Internacional orbitando a unha altitude duns 380 quilómetros, os meteoros das Perseidas pasan coma un raio por baixo, varrendo o po deixado polo cometa Swift-Tuttle quente ata a incandescencia. Os grans de po brillante do cometa viaxan a uns 60 quilómetros por segundo ao través da atmosfera máis densa a uns 100 quilómetros por riba da superficie da Terra. Neste caso, o alustro do meteoro en escorzo atópase á dereita do centro da imaxe, por baixo do limbo en curva da Terra e unha capa de aire de brillo verdello. Fora do cadro, o Sol está sobre o horizonte máis alá dun dos conxuntos de paneis solares da estación no extremo superior dereito. Por riba do meteoro e preto do horizonte pódese ollar a brillante estrela Arcturus e un campo de estrelas que inclúe as constelacións Bootes e Corona Borealis. A imaxe captouse o 13 de agosto mentres a estación espacial orbitaba sobre unha área de China, aproximadamente a uns 400 quilómetros ao noroeste de Beijing.

Texto orixinal no APOD.