NGC 7331 e máis alá

 
Créditos da imaxe e CopyrightKen Crawford (Rancho Del Sol Obs.)
Explicación: grande e fermosa, a galaxia espiral NGC 7331 é a miúdo promovida como un equivalente á nosa propia Vía Láctea. A uns 50 millóns de anos luz de distancia na constelación setentrional Pegasus, NGC 7331 recoñeceuse nun primeiro momento como unha nebulosa espiral e, realmente, trátase dunha das galaxias máis brillantes non incluídas no famoso catálogo de Charles Messier do século 18. Xa que o disco galáctico está inclinado cara a nosa liña de visión, as exposicións longas con telescopio resultan con frecuencia nunha imaxe que evoca un forte sentido de fondura. O efecto resáltase máis nesta definida imaxe polas galaxias que se localizan máis alá deste marabilloso universo illa. As galaxias do fondo por riba de NGC 7331 teñen máis ou menos unha décima parte do tamaño aparente de NGC 7331 e por tanto atópanse aproximadamente dez veces máis lonxe. O seu abraiante aliñamento próximo no ceo con NGC 7331 acontece só por casualidade. Aquí, ao través das nubes de po tenue do primeiro plano da nosa propia Vía Láctea, vemos este agrupamento visual de galaxias que tamén é coñecido como o Grupo Deer Lick.

Texto orixinal no APOD.