O cometa Garradd e Messier 15

Créditos da imaxe e Copyright: Gregg Ruppel

Explicación: Tirada o dous de agosto, esta composición de fotos telescópica colle ao Comet Garradd (C/2009 P1) no mesmo campo de visión que o cúmulo estelar globular M15. A celeste escena tería sido gratificante para o conspicuo cazador de cometas do século XVIII Charles Messier. Mentres esculcaba o ceo francés na procura de cometas, Messier catalogaba polo miúdo as posicións dos obxectos que poderían ser, tanto polo aspecto difuso como polo seu parecido, cometas, pero que ao non moverse contra o fondo de estrelas foron descartados como tales. M15 (abaixo á dereita), o número 15 no seu famoso catálogo de non-cometas, é agora comprendido como un cúmulo de máis de 100.000 estrelas a preto de 35.000 anos luz de distancia. O cometa, descuberto este agosto de 2009 polo astrónomo G. J. Garradd (Observatorio de Siding Spring, Australia) está neste momento barrendo a través da constelación Pegaso, a preto de 13 minutos luz da Terra. Con un feble brillo de magnitude 9 aproximadamente, o cometa Garradd farase máis brillante nos vindeiros meses, estando previsto que se olle a simple vista preto do seu pico en febreiro de 2012.