NGC 6188 e NGC 6164


Créditos da imaxe e CopyrightMarco Lorenzi (Glittering Lights)
Explicaciónj: formas fantásticas axexan como nubes de gas hidróxeno brillante en NGC 6188. A nebulosa de emisión atópase no límite dunha gran nube molecular, imposible de ver en lonxitudes de onda do visible, na meridional constelación de Ara, a uns 4.000 anos luz de distancia. As estrelas novas e masivas da asociación OB1 incrustada en Ara formáronse nesa rexión só hai uns poucos millóns de anos, esculpindo as formas escuras e potenciando o brillo nebular con ventos estelares e intensa radiación ultravioleta. A recente formación de estrelas tamén foi, probablemente, provocada polos ventos e as explosións de supernovas, a partires de xeracións previas de estrelas masivas, que varreron e comprimiron o gas molecular. Xunto con NGC 6188 neste lenzo cósmico temos a rara nebulosa de emisión NGC 6164, tamén creada por unha das estrelas masivas de clase O da zona. Parecida en aparencia a moitas nebulosas planetarias, a impactante e simétrica envoltura gaseosa de NGC 6164 e o halo tenue rodean a súa estrela central brillante na parte superior dereita. O campo de visión abarca unhas dúas lúas cheas, correspondéndose con 70 anos luz á distancia estimada de NGC 6188.