Despedida do Atlantis desde Parkes


Créditos da imaxe e Copyright: John Sarkissian (CSIRO Parkes Observatory)
Explicación: o radio telescopio de 64 metros Parkes é coñecido pola súa contribución á carreira espacial humana, fornecendo estupendamente as imaxes de televisión desde a Lúa aos cidadáns do planeta Terra durante o Apollo 11. O solitario, enorme e dirixible disco domina no primeiro plano desta paisaxe celeste a primeira hora do solpor. Por riba, os ceos estrelados de Nova Gales do Sur (Australia), inclúen as familiares constelacións meridionais de Vela, Puppis e Hydra xunto cunha vista que non se ollará nunca máis. Aínda brillante pola luz do Sol e raiando de dereita a esquerda xusto por baixo da cabina do foco do radiotelescopio, o lanzadera espacial orbital Atlantis vén de desacoplarse coa Estación Espacial Internacional por derradeira vez. A propia estación espacial segue formando un arco desde a esquina inferior dereita do cadro, uns dous minutos por tras do Atlantis na baixa órbita terrestre. Está previsto que o Atlantis faga a súa aterraxe final a primeira hora desta mañá (21 de xullo, 5:56 A. M. EDT, hora do leste) no Centro Espacial Kennedy da NASA.

Unha reflexión sobre “Despedida do Atlantis desde Parkes

  1. Moi recomendable a película “The Dish” que, en España, foi traducida como “La Luna en directo”. Alí narran, coas correspondentes licenzas fílmicas, o impacto na aldea local cando saben que son escollidas pola NASA para retransmitir en directo a chegada do home á Lúa, como os astronautas deciden adiantar a súa saída da nave, como tiveron que poñer en marcha todo cun vento no límite do que podía aguantar a antena… como digo, non foi así a historia pero a película faise emocionante por momentos. Agora non atopo pero na propia web do telescopio (segunda ligazón do texto), había un artigo comentando as diferencias entre a realidade e a ficción.

    Creo que outra da antena que estaba prevista usar para a retransmisión era a de Robledo de Chavela (Madrid) e, a terceira, nos propios EUA. Coas tres antenas se cubrían todas as necesidades de cobertura mundial.

    Por certo, Paco Bellido, que mantén o blog “El Beso de la Luna” http://mizar.blogalia.com/, estivo alí destinado uns meses; non sei se segue aínda.

Os comentarios están pechados.