Despedida do Atlantis desde Parkes


Créditos da imaxe e Copyright: John Sarkissian (CSIRO Parkes Observatory)
Explicación: o radio telescopio de 64 metros Parkes é coñecido pola súa contribución á carreira espacial humana, fornecendo estupendamente as imaxes de televisión desde a Lúa aos cidadáns do planeta Terra durante o Apollo 11. O solitario, enorme e dirixible disco domina no primeiro plano desta paisaxe celeste a primeira hora do solpor. Por riba, os ceos estrelados de Nova Gales do Sur (Australia), inclúen as familiares constelacións meridionais de Vela, Puppis e Hydra xunto cunha vista que non se ollará nunca máis. Aínda brillante pola luz do Sol e raiando de dereita a esquerda xusto por baixo da cabina do foco do radiotelescopio, o lanzadera espacial orbital Atlantis vén de desacoplarse coa Estación Espacial Internacional por derradeira vez. A propia estación espacial segue formando un arco desde a esquina inferior dereita do cadro, uns dous minutos por tras do Atlantis na baixa órbita terrestre. Está previsto que o Atlantis faga a súa aterraxe final a primeira hora desta mañá (21 de xullo, 5:56 A. M. EDT, hora do leste) no Centro Espacial Kennedy da NASA.