Panorámicas da tormenta de Saturno


Créditos: Cassini Imaging Team, SSI, JPL, ESA, NASA

Explicación: estas panorámicas abraiantes seguen unha destacada tormenta xigante que rodea o hemisferio setentrional do planeta dos aneis, Saturno. Aínda activas, as turbulentas nubes de tormenta foron captadas en imaxes do infravermello cercano pola nave espacial Cassini o 26 de febreiro e unidas en mosaicos de alta resolución e falsa cor. A potente tormenta, observada a finais do ano pasado como unha mancha brillante e prominente polos astrónomos afeccionados cando Saturno se elevaba nos ceos antes do mencer, medrou ata proporcións enormes. A súa extensión norte-sur é de case 15.000 quilómetros e agora desprégase completamente ao redor do hemisferio norte do xigante gaseoso uns 300.000 quilómetros. As panorámicas, realizadas cun día de Saturno (11 horas) de diferencia, amosan a cabeza da tormenta á esquerda e cobren uns 150 graos de lonxitude. A intensa tormenta, tamén unha fonte de ruído de radio polos lóstregos, pode estar relacionada cos cambios estacionais mentres Saturno experimenta a primavera do hemisferio setentrional.

Texto orixinal no APOD.