O ceo do Océano Meridional

Cŕeditos da imaxe e copyright: Alex Cherney (Terrastro); Música: Redmann

Explicación: Nubes e océano mostran cambios ámbolos dous na súa iluminación durante este vídeo en time lapse filmado no sur de Australia. No primeiro plano óllase a liña de costa rochosa en dirección ao Océano Meridional (N.do T.: Océano Antártico). As luces procedentes de barcos e automóviles óllanse atravesando a liña que separa o ceo e a terra. Nubes escuras flúen a través do ceo, ás veces dende direccións diferentes, ás veces ocultando o fondo de estrelas, o que non quita que ao tapalas as estrelas semellen estoupar mentres se moven no fondo. Na primeira secuencia, ollando cara o suroeste, vese unha cinta case vertical de luz zodiacal no momento do solpor xusto antes de que apareza a franxa da Galaxia da Vía Láctea. Pronto a mancha da Nebulosa do Saco de Carbón, inusualmente escura, pódese ver na banda da Vía Láctea, preto da coñecida Cruz do Sur. Máis tarde, cara o sureste, sobre o minuto 2:10, Orión pódese ver erguéndose case perpendicularmente a como pode ollarse no ceo do hemisferio norte. O vídeo, que foi gañador da competición de astrofotografía STARMUS, inclúe preto dun ano de compilacións durante 2009 e 2010 a partires de máis de 30 horas de exposición. Un pequeno misterio: que son esas luces movéndose polo horizonte?

Texto orixinal no APOD.