Millóns de estrelas en Omega Centauri


Créditos da imaxe e Copyright: Gordon Mandell

Explicación: o cúmulo globular Omega Centauri (NGC 5139), amosado nesta definida imaxe telescópica, está a uns 15.000 anos luz de distancia. Cuns 150 anos luz de diámetro, o cúmulo está ateigado cuns 10 millóns de estrelas moito máis vellas có Sol. Omega Cen é o maior dos aproximadamente 200 cúmulos globulares coñecidos que deambulan polo halo da nosa galaxia da Vía Láctea. Aínda que a maior parte dos cúmulos globulares están formados por estrelas coa mesma idade e composición, o enigmático Omega Cen manifesta a presenza de poboacións estelares diferentes con amplitude de idades e abundancias químicas. De feito, Omega Cen pode ser o remanente do núcleo dunha pequena galaxia fusionada coa Vía Láctea.

Texto orixinal no APOD.