NGC 253: primeiro plano


Créditos: Hubble Legacy ArchiveESANASA; procesado e imaxes adicionais- Robert Gendler

Explicación: este universo illa poeirento é unha das galaxias espirais máis brillantes no ceo do planeta Terra. Vista case de lado, NGC 253 está a só 13 millóns de anos luz de distancia, sendo o membro meirande do Grupo Escultor de galaxias, veciño do noso propio grupo galáctico local. A detallada imaxe en primeiro plano é un mosaico de 5 fotogramas baseado en datos recompilados a partires do Hubble Legacy Archive (NT: Archivo do Legado do Hubble). Comezando xusto á esquerda do núcleo da galaxia, a definida panorámica segue filamentos poeirentos, nubes de gas interestelar e, incluso, estrelas individuais cara o bordo galáctico á dereita. A espléndida vista abarca case 50.000 anos luz. O fotograma do extremo dereito comprimiuse lixeiramente para introducir dentro da imaxe un intrigante par de galaxias en interacción no segundo plano. Clasificada como galaxia “starburst” (NT: estoupido estelar) debido á súa actividade frenética de formación estelar, NGC 253 amosa volutas de po emerxendo desde o disco galáctico unidos con cúmulos de estrelas mozas e rexións de formación estelar. NGC 253 tamén é coñecida por ser unha potente fonte de raios-X de alta enerxía e raios gamma, probablemente debido a buratos negros masivos preto do centro galáctico.

Texto orixinal no APOD.