Unha fermosa trífida

Créditos da Imaxe e Copyright: R Jay Gabany

Explicación: a fermosa Nebulosa Trífida ven a ser un estudio cósmico de contrastes coloridos. Coñecida tamén como M20, atópase a uns 5.000 anos luz de distancia, cara a constelación Saxitario, rica de nebulosas. A Trífida, unha rexión de formación estelar no plano da nosa galaxia, ilustra tres tipos diferentes de nebulosas astronómicas: nebulosas de emisión vermellas dominadas pola luz emitida por átomos de hidróxeno, nebulosas de reflexión azuis producidas polo po ao reflectir a luz estelar e nebulosas escuras nas que as densas nubes de po aparecen perfiladas. A zona brillante e vermella de emisión, violentamente dividida en tres partes por corredores escuros de po, préstalle á Trífida o seu popular nome. Nesta escena de amigable encontro, a emisión vermella tamén está recuberta por unha reveladora brétema azul da nebulosa de reflexión. Pilares e chorros esculpidos por estrelas recén nadas, por debaixo e á esquerda do centro da nebulosa de emisión, aparece nas imaxes en primer plano da zona feitas polo Telescopio Espacial Hubble. A Nebulosa Trífida ten uns 40 anos luz de diámetro.

Texto orixinal no APOD.