Créditos & Copyright: Don Goldman
Explicación: perfilado contra un campo ateigado de estrelas cara a constelación do Escorpión, esta nube cósmica e poeirenta evoca para algúns a imaxe dunha ominosa torre escura. De feito, montes de po e gas molecular que colapsa para formar estrelas ben poden estar á espreita no interior da nebulosa escura, unha estrutura que se estende case ata 40 anos luz ao través deste marabilloso retrato telescópico. Denominado glóbulo cometario, a nube de forma aerodinámica, que se estende desde a parte inferior dereita ata a esquerda da cabeza (o cumio da torre) e por riba do centro, está conformada por la intensa radiación ultravioleta da asociación OB das estrelas moi quentes de NGC 6231, por fóra do límite superior da escena. A potente luz ultravioleta tamén impulsa o brillo do gas hidróxeno. As estrelas quentes incrustadas no po poden verse como nebulosas de reflexión azuladas. Esta torre escura, NGC 6231, e as nebulosas asociadas atópanse a uns 5.000 anos luz de distancia.
